Tuesday 23 de April de 2024

A Xunta destinou máis de 45.000€ á mellora da pavimentación do Camiño ao Cementerio de Solleiros en Muros


― Esta actuación inclúese dentro do Plan de Mellora de Infraestruturas Rurais, unha das medidas da Administración galega para contribuír a asentar poboación nos concellos rurais da provincia da Coruña

― A Xunta de Galicia aprobou, o ano pasado, un total de tres Plans de Infraestruturas Rurais na comarca do Barbanza que supuxeron un investimento global de máis de 139.000 euros e está a investir outros 466.000 euros nesta comarca a través do Plan Marco de Camiños Rurais en 11 concellos desta área

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa de Muros, María Inés Monteagudo, supervisaron o resultado das obras de mellora da pavimentación do camiño ao cementerio de Solleiros que contou cun investimento da Xunta de 45.000 euros.

Esta actuación inclúese dentro do Plan de Mellora de Infraestruturas Rurais, unha das medidas da Administración galega para contribuír a asentar poboación nos concellos rurais da provincia da Coruña “creando novos servizos e mellorando infraestruturas básicas como son as vías de comunicación”.
Esta obra contou cunha lonxitude total de actuación de 258 metros, mediante estendido de mestura bituminosa en quente 6 cm, beirado 30 cm ámbalas dúas marxes con adoquín de granito 10x10x20 cm, incluíndo o desbroce e limpeza de superficies, preparación da base e posta á nova cota de rexistros.

O delegado da Xunta puxo en valor este tipo de actuacións “que complementan outros programas e iniciativas da Consellería do Medio Rural, e incluso doutros departamentos autonómicos, orientados a seguir mellorando as infraestruturas, a conectividade e, en definitiva, a calidade de vida dos galegos”.
Trenor lembrou que a Xunta de Galicia aprobou, o ano pasado, un total de tres Plans de Infraestruturas Rurais para a comarca do Barbanza que beneficiaron a tres concellos e que supuxeron un investimento global de máis de 139.000 euros e a maiores está a investir outros 466.000 euros a través do Plan Marco de Camiños Rurais en 11 concellos desta área en fase de execución e supervisión dos proxectos. Con estes dous investimentos o Goberno galego está a investiir máis de 600.000 euros na mellora de camiños rurais no comarca do Barbanza.

A finalidade destes plans é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais. Co arranxo deses camiños, a Xunta non só contribúe á accesibilidade e vertebración do territorio senón tamén ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitando o tránsito de maquinaria ás explotacións conséguese tanto unha maior axilidade das operacións como unha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.